Saturday 27 de April de 2024

O Concello aplicará desde o 1 de setembro unha rebaixa do 30 % en todas as tarifas do bus urbano


O Concello adxudica a reforma integral da Casa da Veeduría por 2,8 millóns de euros

O Goberno municipal aprobou a licitación do Servizo Municipal de Canguros e adxudicou novas medidas da Zona de Baixas Emisións para a instalación de equipos de control e mellora do tráfico na cidade

O Concello aplicará desde o vindeiro 1 de setembro unha rebaixa do 30 % en todas as tarifas do bus urbano que os usuarios e usuarias aboan coa tarxeta Millennium. A rebaixa aplicarase sen necesidade de solicitude previa e suporá para as persoas usuarias do bus urbano pasar de 0,75 euros a 0,52 por viaxe coa tarifa xeral e de 0,23 a 0,16 coa tarifa social. Explicouno así esta mañá o voceiro do Goberno municipal, José Manuel Lage. A medida tómase en aplicación das axudas estatais, que o Concello ten solicitado, para o fomento do transporte público. “A nosa intención é afondar nesa rebaixa cun 20 % extraordinario que soliciitaremos á Xunta, mais será esta quen decida se a concede ou non; agardamos que teña a vontade de axudar aos nosos cidadáns e cidadás e así o faga”, indicou Lage.

O cambio de tarifas aprobouse esta mañá en Xunta de Goberno Local, unha xunta na que tamén se aprobou a adxudicación da obra de restauración integral da Casa da Veeduría por 2,8 millóns de euros, segundo explicou o tamén concelleiro de Economía, Facenda e Réxime Interior, José Manuel Lage.
Estas obras adxudicáronse á UTE formada por “Construcciones Orega e Coviastec”, e contan cunha subvención de 1,3 millóns de euros do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, obtida polo Goberno de Inés Rey. Os traballos terán un prazo de execución de 15 meses e suporán “a posta en valor dunha grande infraestrutura pública da que dispoñemos na Cidade Vella, unha zona que o Goberno de Inés Rey busca revitalizar e dotar de servizos para todas as idades”, tal e como sinalou José Manuel Lage.

O inmnoble, construído no século XVIII e catalogado pola súa relevancia histórica e arquitectónica, conta na actualidade co centro cívico municipal da Cidade Vella, cuxas instalacións ampliaranse tamén nesta reforma. No semisoto do inmoble disporase un espazo para a terceira idade con comedor; na planta baixa irá, ademais dun maior espazo para o centro cívico, unha sala de exposicións, unha cafetaría e unha zona de xogos; no primeiro andar están previstos unha sala de estudos para alumnos universitarios, un auditorio e salas para un novo viveiro de empresas. Finalmente, no segundo andar habilitaranse despachos e instalaranse as Oficinas Técnicas de Rehabilitación do Concello.

Os traballos da Casa da Veeduría enmárcanse nos plans municipais de revitalización e impulso do casco histórico da cidade, plans dos que forma parte tamén a renovación integral da rúa Nosa Señora do Rosario, finalizada o pasado ano, e no que figuran tamén a recuperación integral dos xardíns de San Carlos, en obras na actualidade, e a reurbanización da rúa Cortaduría e da contorna da Fundación Luís Seoane. En total, o Goberno de Inés Rey suma máis de 4,5 millóns de euros en obras xa executadas ou comprometidas na Cidade Vella, recordou Lage Tuñas. Servizo Municipal de Canguros

Por outra banda, a Xunta de Goberno Local tamén aprobou esta mañá a licitación do novo contrato do servizo de atención á infancia para a conciliación laboral, o que se coñece comoo Servizo Municipal de Canguros. “Con esta medida o Goberno de Inés Rey busca seguir apoiando ás familias para facilitar o seu día a día”, indicou José Manuel Lage.
O novo contrato, que engloba a modalidade de atención nos espazos de atención á infancia e ludotecas, contará cun orzamento de 605.000 euros e unha duración de tres anos, ata o 2024.

No conxunto do 2021 máis de 400 familias coruñesas foron atendidas por este servizo, un 60 % delas nos espazos de atención á infancia. O Goberno de Inés Rey deu resposta tamén durante o pasado ano ás necesidades de nais e pais ofrecendo tamén a modalidade de coidados a domicilio, con medio milleiro de nenos e nenas atendidos durante o 2021.